12/01/2023
Comenzamos o ano ca Sentencia 1/2023 de 2 Ene. 2023, do Xulgado do Mercantil 1 de Pontevedra na que condena a ORANGE por prácticas abusivas o incluir datos de exclientes en ficheiros de morosidade de forma inxustificada.
Resulta que Orange veu mantendo como práctica habitual con antigos clientes, que xa se deron de baixa nos seus servizos, mesmo aos que prestaba eses servizos de maneira defectuosa, a de incluír os seus datos en ficheiros de solvencia patrimonial por falta de pagamento de débedas reclamadas unha vez finalizada a súa relación contractual con eles, a pesar de que eses clientes nunca faltaran ao pago doutras débedas con anterioridade.
Trátase, ademais, na xeneralidade dos casos, de débedas de escasa contía para cuxo cobranza Orange non iniciara ningunha acción xudicial.
Cando a débeda non foi xudicialmente reclamada, unido ao feito de que a persoa afectada nunca incorrera en falta de pagamentos nin fora incluída por outros acredores en ficheiros de morosos con anterioridade, non existe motivo real para dubidar acerca da súa solvencia patrimonial nin tampouco para poder considerala como alguén con risco de incorrer en morosidade no cumprimento das súas obrigacións dinerarias en xeral.
Por tanto, a inclusión das persoas que se atopan nestas circunstancias nos ficheiros de morosidade só pode ter o obxectivo real de prexudicar a súa reputación, a modo devendetta por opoñerse ao pago dunha débeda que Orange considera lexítima, ou ben o de servir de medio de presión para que se plieguen ás esixencias da empresa e procedan a pagar a débeda cuxa procedencia inicialmente discutían.
O anterior supón un claro incumprimento da finalidade lexítima dos ficheiros de solvencia patrimonial, o que implica a ilexitimidade da inclusión.
Con iso, atopámonos ante unhas prácticas abusivas, consistentes nunha presión ilexítima dirixida a que os afectados paguen débedas controvertidas, que vulneran os dereitos máis básicos dos consumidores (incluído xeralmente o dereito fundamental á honra).